Antonio Rodríguez Miranda (Allariz, provincia de Ourense, 1967) é Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia desde 2016. Con anterioridade foi deputado ante o Parlamento de Galicia e voceiro da bancada parlamentaria do Partido Popular de Galicia (PPdG). Rodríguez Miranda atende a nosa petición de entrevistalo para “Lonxe da Terriña” para falar da acción exterior da Xunta de Galicia coa súa diáspora e dos momentos que está atravesando a nosa emigración en tempos de pandemia e crise socioeconómica.
En setembro de 2020 iniciou unha nova etapa ó fronte da Secretaría Xeral de Emigración. Cales son os retos e prioridades para este novo período de goberno 2020-2024?
Certamente é unha gran honra volver traballar polos nosos galegos no exterior e máis se cabe nesta época, na que temos que colaborar todos xuntos para deixar atrás unha situación tan grave como a que está a provocar a actual pandemia. Ese é o noso principal reto na actualidade: coidar como unha familia dos nosos emigrantes, dos nosos galegos no exterior.
Entrando máis en detalle, o noso obxectivo é seguir atendendo moi de cerca aos galegos no exterior que máis o necesitan, especialmente, os que están na vellez que son as máis vulnerables, e en particular os que teñen máis necesidade social, como Venezuela, Cuba, incluso Brasil e agora tamén Arxentina.
En segundo lugar, traballar da man das Entidades Galegas do exterior, máis agora que están a pasar por momentos moi duros, por falta de ingresos a causa da pandemia, garantindo a súa viabilidade, e no medio pazo reforzando sempre a súa labor social ou cultural. Estamos a traballar para axudar a que as novas xeracións de galegos nados no exterior manteñan o seu vínculo con Galicia.
E finalmente, que non menos importante, queremos seguir incrementando o esforzo do goberno galego a prol do retorno dos nosos a Galicia, actuando en todos os aspectos que as familias necesitan para a súa integración, novamente na sociedade galega, na súa terra. Actuando no ámbito educativo, social, sanitario ou laboral, sempre cun acompañamento e orientación que facilite ese asentamento.
Como observa a situación actual da diáspora galega?
Vivimos nun ano moi complexo a tódolos niveis, incluído o da mobilidade entre países, os movementos de persoas están moi limitados pola pandemia.
“Vivimos nun ano moi complexo a tódolos niveis, incluído o da mobilidade entre países, os movementos de persoas están moi limitados pola pandemia”
En Europa, as persoas sofren as consecuencias coma no resto de España ou Galicia, pero os sistemas de protección social, que son fortes, atenúan os efectos sobre a poboación máis vulnerable.
Pero en América, os efectos negativos están a sentirse máis, países como Arxentina de xeito moi importante, tamén en Brasil, Venezuela ou Cuba, en menor medida Uruguai, que é case un oasis neste tema, porque a incidencia foi moi baixa.
O Covid-19 tamén está a provocar moitos cambios nos centros galegos en todo o mundo, que tiveron que adaptar as súas actividades ás restricións impostas por cada país, sempre co obxectivo de garantir a saúde das persoas e das súas familias.
Nestes momentos determinados polos efectos globais da pandemia da COVID 19, cales son os escenarios en países con diáspora galega máis preocupantes para a acción da Secretaría Xeral de Emigración?
Evidentemente, aqueles países onde a situación da pandemia se agrava pola preexistente complicación económica do país. Un exemplo é Venezuela, onde ás dificultades sanitarias propias que está a causar a Covid-19 únese a debilidade económica de moitas familias e un sistema que non lles aporta a seguridade necesaria para ter o máis básico. Tamén Arxentina está sufrir os efectos de xeito relevante.
“Un exemplo é Venezuela, onde ás dificultades sanitarias propias que está a causar a Covid-19 únese a debilidade económica de moitas familias e un sistema que non lles aporta a seguridade necesaria para ter o máis básico”
No caso dos emigrantes retornados, está a Estratexia Galicia Retorna 2020. Pode comentarnos sobre esta iniciativa que leva adiante a Secretaría Xeral de Emigración?
A estratexia Retorna fai referencia aos mecanismos de planificación do traballo do conxunto do Goberno Galego, é dicir de tódolos departamentos, na procura de acadar que os galegos do exterior poidan volver a Galicia.
Está orientada a acadar que as familias galegas que residen no exterior poidan volver a Galicia, e nese proceso teñan o acompañamento e a axuda da Administración da Xunta de Galicia para facelo un pouco mais sinxelo.
Trátase de actuar no ámbito educativo, social, sanitario e laboral, tanto no traballo por conta allea como no autoemprego.
Aínda que Emigración lidera esta estratexia de traballo, todos os departamentos dende as súas competencias desenvolven liñas de traballo que axuden a que ese acompañamento permita que, o antes posible, unha familia estea plenamente integrada na sociedade galega unha vez volve a terra.
No caso de Emigración iso significa traballar en catro grandes liñas:
– A orientación e o seguimento das persoas e familias en todo o proceso de retorno, a través das Oficinas de asesoramento e seguimento ao retornado situadas nas catro provincias galegas.
– O apoio económico as familias que regresan con menos recursos, a través das Axudas Extraordinarias ao retorno, que no último ano chegaron a mais 900 familias, cun reforzo económico especial para familias con fillos menores de 18 anos.
– Tamén o reforzo ao autoemprego coas axudas económicas ao retorno emprendedor, que leva apoiado a preto de 300 proxectos empresariais.
– E tamén as bolsas BEME MÁSTER, que xa ofreceu ata agora 500 oportunidades de volver a Galicia a Galegos con formación universitaria residentes no exterior.
E sobre o programa Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME)?
O programa de bolsas BEME MASTER está a ser un importante pulo para a atracción de galegos residentes no estranxeiro que desexan ampliar os seus estudos na nosa terra e, o que é máis importante, traballar e fixar aquí definitivamente a súa residencia.
En total, este ano foron 150 os universitarios que conseguiron unha destas bolsas de excelencia para a mocidade exterior e están xa a facer máster nas tres universidades galegas. No próximo ano serán 200 mais pois vamos ampliar estas Bolsas, coincidindo coas dificultades que esta a provocar a Pandemia en todos os países do mundo, e polo tanto nos queremos ofrecer aos galegos máis cualificados que están no exterior máis posibilidades de retorno.
Non podemos esquecer que, en total, dende a posta en marcha desta iniciativa, xa se beneficiaron 500 alumnos de moi diferentes países, de Europa, como Suíza, Francia, Países Baixos, Reino Unido, Italia, ou mesmo Rusia, Alemaña ou Portugal, pero tamén de América como, Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai ou México, entre outros. Coas 200 novas do ano próximo xa serán 700.
Esta iniciativa pretende non só captar para Galicia persoas moi cualificadas de entre as mozas e mozos residentes fora, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade, contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. A oferta céntrase así en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.
O 2021 será Ano Santo Xacobeo, que precisamente acometerá unha situación atípica determinada pola COVID 19. Como está traballando a Secretaría Xeral de Emigración na promoción do Xacobeo 2021 na diáspora ante este novo contexto?
O noso compromiso co Xacobeo é total. E tamén, sen dúbida, o dos galegos do exterior e das entidades galegas que os agrupan.
De feito, nos diferentes encontros que estamos a ter coas comunidades galegas no exterior estamos xa planificando a súa participación no Día da Galicia Exterior, unha data fundamental que ven a potenciar o Camiño de Santiago. Non podemos esquecer que se trata dunha das iniciativas que maior relevancia ten entre as comunidades galegas do exterior, que serven de faro de divulgación do futuro ano Xacobeo.
“O noso compromiso co Xacobeo é total. E tamén, sen dúbida, o dos galegos do exterior e das entidades galegas que os agrupan”
O Días da Galicia Exterior celébrase todos os anos Santos, neste tócanos a VIª edición, e simboliza a especial participación dos galegos do exterior no ano Xacobeo, unha data dedicada especialmente aos nosos que están polo mundo, no ano en que todo o mundo mira cara Galicia. A través deste mecanismo conseguimos multiplicar a participación de persoas galegas e non galegas no noso emblema mais universal, e na súa gran celebración, o Camiño de Santiago.
O compromiso da Secretaría Xeral de Emigración para a celebración xacobea é absoluto, e ademais, queremos que sexa un día compartido con todos os galegos do mundo. Estamos tamén pois a traballar para que sexa o mellor Xacobeo posible nunha época na que, somos conscientes, estamos a vivir tempos difíciles.
“Lonxe da Terriña” é un medio que está nacendo, con vocación de crear vínculos e fortalecer unha canle de comunicación coa Galicia Exterior. Dende a Secretaría Xeral de Emigración, que mecanismos existen para ampliar estas canles de comunicación coa nosa diáspora?
Nós temos unha comunicación moi fluída cos nosos emigrantes a través das nosas casas e centros galegos en países con importante presenza de galegos, como poden ser Suíza, Alemania, Portugal, Brasil, Arxentina, Cuba, Uruguai, Venezuela ou Estados Unidos, entre outros moitos.
Con eles traballamos a través de diversos programas formativos, educativos, de ocio e culturais, sen tampouco esquecer un importante traballo social, aportándolles as ferramentas que temos ao noso alcance para que, poidan manter os seus vínculos coa terra, e se sintan sempre acompañados.
Ademais, contamos coas ferramentas dixitais, como a nosa páxina web (www.emigracion.xunta.gal , GaliciaAberta ), onde aportamos toda a información e acceso aos nosos programas de traballo cara o exterior e o retorno.
Tamén temos unha intensa actividade nas redes sociais, como imprescindible mecanismo actual de contacto e comunicación, mecanismos de formación e divulgación nas propias redes como a Aula Galicia Aberta, que permiten poñer en contacto aos nosos galegos do exterior coa realidade actual de Galicia. Canles telemáticos específicos como o PORTAL RETORNA que aglutina as diferentes accións neste aspecto.
Por suposto nunca descoidamos a presencia directa en todos os países con relevante número de galegos, para coñecer de primeira man as súas expectativas e poder enfocar as nosas políticas axeitadamente.