Caracas | Noemí Cendón Tizón foi elixida presidenta da Hermandad Gallega de Venezuela (HGV) nas eleccións celebradas co 70% dos votos dos socios o pasado 24 de abril. Noemí Cendón encabezaba a lista do Grupo Unión, agrupación política que xa leva uns 25 anos dirixindo o destino da entidade.
Os votos emitidos para elixir o Consello Directivo foron 963, e os válidos foron 959 (99,59%), mentres que os votos nulos foron 4 (0,41%). O resultado na votación ao consello directivo foi para o Grupo Unión, 675 votos (70,38%); a Agrupación Galaica, que postulou a Miguel Ferreira Ruanova, conseguiu 190 apoios (19,81%) e Alejandro Casal Barreiro, que encabezaba o nacente Xuntos, obtivo 94 papeletas (9,80%).
En canto aos resultados para os órganos electivos, a Agrupación Galaica obtivo 212 votos, (22,15%) logrando 8 representantes ante a Cámara; o Grupo Unión logrou 634 (66,24%), e alcanzou 23 escanos na Cámara. Xuntos, sacou 111 apoios (11,59%), e logra 4 postos. Os votos nulos foron 5 (0,52%) e 957 os válidos (99,37%).
A xornada electoral desenvolveuse con enteira normalidade. Foron instaladas as mesas electorais ás oito da mañá e o peche produciuse ás cinco da tarde. A diáspora venezolana tamén se reflicte na Hermanda Gallega debido a que, dos 8.740 socios con dereito a voto, asistiron á convocatoria da Comisión Electoral 963 votantes. Ao longo do día os socios da HGV acudiron a exercer o seu dereito para votar e escolleron un novo consello directivo que estará en funcións por un ano.
O consello directivo quedou integrado da seguinte forma: Noemí Cendón Tizón, presidenta; José Luis Andrade Rojo, vicepresidente; Anxo Manuel Rodríguez Martín, secretario xeral; José Antonio Suárez, tesoureiro; José Luis Fandiño Sampedro, vicetesorero; Javier Pérez Parejo, director de Relacións Públicas e Sociais; María Jesús Roca Prieto, directora de Cultura e Arte; Alexander Dios Cores, director de Deportes; Álvaro Gómez Rodríguez, director de Asistencia Social; Alejandro Manuel González Calvo, director de Admisión e Orde Social; Valentina Cameán Castro, directora de Festas; e Elías Méndez Fernández, director Obras e Mantemento.
Perfil
Noemí Cendón Tizón naceu en Caracas. É Comunicadora Social pola Universidade Católica Andrés Belo (UCAB) na promoción de 1988. Casou con Joselo Ferreira (+), quen tamén foi un colaborador incansable da HGV, e ten unha filla, Sofía Ferreira Cendón, doutora en medicina pola Universidade Central de Venezuela, quen está finalizando a súa especialidade como otorrinolaringóloga no Hospital Universitario de Salamanca.
O seu pai, José Cendón Muradás, era oriúndo de Soutelo de Montes (Pontevedra), e foi dúas veces presidente da Hermandad Gallega de Venezuela (1975-1976 e 1987-1989), e a súa nai natural de Neves de Grixoa, Concello de San Amaro (provincia de Ourense).
María Noemí ten un longo haber dentro da entidade. Pertenceu aos grupos de danzas Celta, Eiras Nosas e Lembranzas. Foi integrante de diversos equipos de tenis e voleibol. Tamén formou parte do Comité Xuvenil 1985-1987.
Condutora do programa radial Sempre en Galiza, presentadora en varias edicións do Miss Hermandad, así como de diferentes eventos culturais e deportivos. Deseñadora e redactora do Boletín Informativo Somos Irmandade entre 1999-2009. Integrante da Asemblea de Representantes de 2009 a 2011.
Foi directora de Relacións Públicas e Sociais da HGV entre 2007 e 2009, directora de Cultura e Arte nos períodos 2015-2017 e 2017-2019, e actual vicepresidenta. Foi xefa de información do semanario Magazine Español entre os anos 1991-1996, copresentadora do programa radial Pressing e actualmente é directora do portal web Actualidade Laboral e do programa de radio Actualidade Laboral Radio. Tamén é correspondente de España Exterior en Venezuela.