Manuel Puente González. Un monumento, unha rúa ou ambos

Manuel Puente (centro), sentado xunto a Castelao (dereita)

A atinada reportaxe de Juan Óscar Otero Lago en A Nova Peneira de decembro 2020 sobre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con motivo do 70º aniversario do seu falecemento en Bos Aires, animoume a escribir sobre Manuel Puente González, que aparece citado nela.

Estadía en Europa
Manuel Puente, aínda unha personalidade descoñecida entre os veciños do seu concello natal, naceu no lugar de Monte, parroquia de Oleiros, Salvaterra de Miño, o 16 de agosto de 1890 no seo dunha familia pobre (1)

“Manuel Puente, aínda unha personalidade descoñecida entre os veciños do seu concello natal, naceu no lugar de Monte, parroquia de Oleiros, Salvaterra de Miño, o 16 de agosto de 1890 no seo dunha familia pobre”

Aos 15 anos (outras fonte falan de 13), emigra a Barcelona, onde traballa de dependente nun comercio téxtil. Regresa a Oleiros e, ao pouco, en 1906, emigra a Bos Aires (2)

En 1911, cumpridos os 21 anos, é probable que volvese á súa terra, pois coñécese unha foto, datada e asinada en Oleiros o 6 de xullo dese ano, dedicada ao seu amigo Lorenzo Lemos, concelleiro, fotógrafo e mestre da Fundación González González, escola de nenas e nenos localizada nesa freguesía (3)

O 30 de abril de 1927, el e súa dona, a italiana Cesira Foglia, actúan como padriños, por poderes, no casamento de seu irmán, Rafael Puente González, de 25 anos, fillo natural de Rosa Puente González, coa súa curmá María Moure González, solteira, de 25 anos, filla de Pedro Moure Puente e Josefa González Puente, do lugar de Zacoteiras (4)

Regreso a Galicia
O 29 de xuño de 1928 viaxa de novo a Galiza, arriba ao porto de Vigo no trasatlántico Antonio Delfino acompañado de Cesira Foglia. Para recibilo, acode unha comitiva que formaban, entre outros, Manuel Mariño Méndez, Camilo Rodríguez, Constante Alonso, Juan Rivas Molino e Manuel Pérez Troncoso (5)

Conta as crónicas orais, como a de José Lemos, do lugar do Couto, que Manuel Puente, ao chegar a Oleiros, pretendía pasar a noite na súa casa natal, que mandara acondicionar para o caso, para que súa dona coñecese como se vivía alí. Disque, a dama, acostumada a os luxos da súa posición social, negouse firmemente a durmir naquela casa, e, horrorizada, saíu a fume de carozo no luxoso auto para un hotel da vila (6)

O 15 de xullo de 1928, domingo, Puente inaugura, no lugar da Forca, o magnífico edificio da Casa do Pobo. Asisten persoeiros como Manuel Mariño Méndez, Eugenio Arbones Castellanzuelo, Ubaldo Gil Santóstegui, E. Heraclio Botana Pérez, así como dirixentes sindicais da comarca e moitas xentes de Salvaterra. O edificio, popularmente coñecido como Casa Sindical, construíuse integramente cos fondos enviados polos integrantes da Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Buenos Aires. O custo excedeu as 70.000 pesetas da época (7)

Antes de continuar a súa viaxe por España e diversas cidades europeas, no que se demorou 18 meses, podémolo ver nunha foto gozando, cunha cunca na man, da festa da Luz na parroquia de Meder (8)

Volveu outravolta a Oleiros no mes de setembro de 1929; será a derradeira vez. Acompañado tamén da súa esposa, Cesira Foglia e da súa sogra, dona Alberta. Antes de partir definitivamente, facilitou os medios económicos para restaurar a abandonada fonte do lugar natal, Monte, e dotala dun lavadoiro coa correspondente cuberta. Lavadoiro desprazado ao lugar de Eido Vello, onde hoxe existe un monólito cunha modesta placa na súa honra (9)

Emigrante en Bos Aires
Manuel Puente partiu como emigrante á capital arxentina a bordo do buque Oropesa o 30 de xaneiro de 1906. Primeiro traballou nunha empresa de curtumes, amparado por seu tío, Casimiro Puente González.

En 1907, segundo a súa filla, Rosa Puente Foglia, chegou a Bos Aires asúa nai, Rosa Puente González. Instálanse nunha modesta casa de Avellaneda e exerce como viaxante de comercio.

Manuel Puente González

Máis tarde pasou a traballar nunha empresa israelita de importación de alfaias e reloxos, onde aprende o oficio de xoieiro. Pasados uns anos, esteblécese por conta súa. En 1919 funda a xoiería Puente y Cía., con filiais en Francia e Alemaña (10)

O 14 de agosto de 1921 fundou, canda un grupo de amigos, a Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño, da que, durante moitos anos, foi principal impulsor e primeiro presidente (11)

“O 14 de agosto de 1921 fundou, canda un grupo de amigos, a Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño, da que, durante moitos anos, foi principal impulsor e primeiro presidente”

En Bos Aires logra ampliar os negocios a outros ramos até acadar unha relevante posición económica. Foi, dende a súa fundación, tesoureiro da Unión de Maioristas de Reloxería e Alfaiatería. Asemade, foi tesoureiro da Cámara Sindical de Comercio de Buenos Aires. En 1932, redactou un proxecto sobre “Contas Documentadas”, que se aprobou nun congreso de empresas comerciais, industriais e bancarias.

Labor política no exilio e pola cultura galega
Fundador e membro do directorio da sociedade Industria Sérica Arxentina, primeira fábrica de tecidos en seda natural, con establecimento fabril na Plata. Desempeñou o cargo durante cinco anos, e abandonouno para realizar unha viaxe de negocios por Europa, que se prolongou durante 18 meses.

Foi directivo da Federación de Sociedades Galegas, da Irmandade Galeguista e presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españois, loitando denodadamente durante a Guerra Civil pola causa leal á República Española. Tamén foi un socio moi activo do Centro Galego, que ademais chegou a presidir (12)

“Foi directivo da Federación de Sociedades Galegas, da Irmandade Galeguista e presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españois, loitando denodadamente durante a Guerra Civil pola causa leal á República Española”

Ao final da guerra civil, grazas as xestións que realizou diante do Goberno arxentino, logrou socorrer e rescatar a Manuel Mariño Méndez, último alcalde republicano de Salvaterra de Miño, preso nun campo de concentración en Francia (13)

Foi membro da Comisión de Facenda do Consello da Galiza, organismo fundado no seu domicilio o 14 de novembro de 1944, lugar de encontro da cúpula galeguista, e ratificado en Montevideo. En 1945 presentouse publicamente na Casa de Galicia e o 28 de xuño no Ateneo de Montevideo, en conmemoración do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936 (14)

Os seus cartos sempre estaban a disposición de proxectos da cultura galega, chegando mesmo a organizar un Padroado. En 1950 prestou axuda para a primeira edición do libro de Castelao As cruces de pedra na Galiza. Tamén de Castelao financiou en 1961, a segunda edición do Sempre en Galiza, a Biblia do galeguismo, e tamén financiou, en 1962, os dous primeiros tomos da voluminosa obra Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo (15)

O 25 de xullo de 1950 estivo entres os accionistas fundadores da Editorial Galaxia —tiña as accións 380-389 (16)

“O 25 de xullo de 1950 estivo entres os accionistas fundadores da Editorial Galaxia —tiña as accións 380-389”

Foi socio de honra dos Centros galegos de Ourense e de Pontevedra. En 1956 presidiu a comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega a carón do secretario e máximo impulsor do acto, Antón Alonso Ríos. O Congreso, presidido por Jesús Canabal, empresario galego radicado en Montevideo, tratou de dar unha visión global da Galiza e dos seus emigrantes, e afirmar a súa identidade histórica a través das comunidades galegas na diáspora.

Manuel Puente e Jesús Canabal emprenderon conxuntamente diversas tarefas a prol da causa galeguista, como a do apoio económico de Castelao durante súa estadía na América. Ambos dous foron firmes baluartes do mecenado galeguista.

O Consello da Galiza trataba, fundamentalmente, de manter viva a representavidade electoral lexítima dos deputados no exilio e, ao mesmo tempo, traballar nas institucións da República no exilio para consolidar o proceso autonómico que se iniciara na tes da guerra civil. Tras a morte de Castelao, foi difícil manter a unidade, chegaron as desavinzas e, en 1960, Puente abandonou (17)

En 1968, auspiciou e organizou os Xogos Froraes do Idioma Galego, celebrados o 31 de agosto dese ano en Bos Aires. Alén da defensa do idioma galego e do asunto literario, foron uns actos reivindicativos e de defensa da identidade galega. Acompañouno nesta tarefa Antón Alonso Ríos e, como mantedor actuou X. L. Méndez Ferrín. Os Xogos contaron coa participación de poetas como Celso Emilio Ferreiro, Xosé Sesto López e Manuel María. As sesións tiveron como colofón a intervención maxistral de Jorge Luis Borges (18)

“En 1968, auspiciou e organizou os Xogos Froraes do Idioma Galego, celebrados o 31 de agosto dese ano en Bos Aires. Alén da defensa do idioma galego e do asunto literario, foron uns actos reivindicativos e de defensa da identidade galega”

Menos de dous anos despois, o 24 de marzo de 1970, unha doenza acabou en Buenos Aires coa vida dun galego dos bos e xenerosos.
Rosa Puente Foglia, a súa filla, dirixe dende entón a fundación que leva o seu nome, mantendo viva a súa memoria e o recoñecemento das súas transcendentais contribucións á causa do galeguismo (19)

Remato apuntando a miña preocupación polo futuro dos fondos documentais que conserva a fundación, dada a avanzada idade da depositaria, que carece de descendentes que poidan continuar o seu labor.

 

Un traballo de Antón Lorenzo “Xaque”

REFERENCIAS
1. Libro de bautizados da parroquia de Oleiros.
2, 14, 17, 19. Cristina Samuelle Lamela. La emigración gallega al Río de la Plata.
3, 6, 13 . Arquivo propio do autor.
4. Libro de matrimonios da parroquia de Oleiros.
5. El Pueblo Gallego, 29-VI-1928, p. 2.
7. El Tea, 23-VII-1928, pp. 2-3.
8. Revista 25 aniversario Sociedad Unión Progresista de Salvatierra en Buenos Aires, p. 5, 1946.
9. El Eco del Condado 119 e 120, p. 2.
10. Lois Pérez Leira. Galegos na Arxentina.
11. Memoria y balance Sociedad Unión Progresista, 1925-1927.
12, 15. Alberto Vilanova Rodríguez. Los Gallegos en la Argentina, tomo II.
16. Madrygal. Revista de Estudios Gallegos.
18. Xogos Froraes do Idioma Galego. Buenos Aires: Nós, 1969.

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!