O pasado 3 de novembro, a Sociedad Cultural y Benéfica “Unión Barcalesa” cumpriu 113 anos. Foi creada na Habana en 1907, o mesmo ano que se estreou o Himno Galego na capital cubana. “Lonxe da Terriña” contactou co seu actual presidente Manuel de Jesús Rodríguez Barreiro, para que nos falara desta centenaria entidade que deixou unha pegada importante tanto en Cuba como na comarca da Baña e da Barcala.
Fundada na Habana en 1907 e con 113 anos de historia, a Sociedade Cultural e Benéfica Unión Barcalesa constitúe un dos principais expoñentes da diáspora galega en Cuba, neste caso de emigrantes principalmente dos Concellos de Negreira e A Baña e da contorna do Val da Barcala, cunha importante herdanza de desenvolvemento social e cultural. Como foron eses comezos dos emigrantes da Barcala en Cuba?
A historia dos inicios desta sociedade é común con tódolos inicios das demais sociedades comarcais que se fundaron a comezos do pasado século aquí en Cuba. Primeiro, a nostalxia e a necesidade de manter vencellos cos seus paisanos e persoas que, aínda que en moitos casos non se coñecían, xa era un gran incentivo para eles ser de pobos veciños, ou dunha rexión determinada, en todo caso despois de ter traballado e sacrificado moito, a importancia de agruparse e de manter vencellos mais estreitos. É así como xorden estas pequenas sociedades que, nun inicio, tiñan regulamentos moi ríxidos pero sempre tentando velar polo benestar e a cultura dos asociados e das súas familias.
No caso da nosa Unión Barcalesa, fundouse o 3 de novembro de 1907 e, na súa maioría, a Xunta Directiva orixinal foi conformada por persoas oriúndas de Negreira, A Baña e Aro. Despois foron uníndose outras persoas da rexión da Barcala.
O progreso social a través da educación foi sempre unha prioridade para os emigrantes da Barcala e, especificamente, no caso da Unión Barcalesa da Habana. Dende Cuba enviou os recursos necesarios para a creación de escolas na comarca barcalesa, axudando igualmente a introducir as novas correntes pedagóxicas. Como foi ese labor impulsado polos emigrantes barcaleses a través da Unión Barcalesa?
Despois de conformar o embrión da sociedade, e ao irse relacionando cada vez mais, viron a importancia de tentar mellorar as condicións de vida e de axudar, dentro das súas posibilidades, aos familiares e amigos que deixaron atrás. É así que xorde a idea de crear unha comisión para recadar fondos económicos e financeiros para a construción de escolas onde puideran instruír e mellorar as condicións educacionais dos seus amigos, familiares y veciños. A nosa Sociedade enviou recursos para a construción das escolas de Covas en Negreira en 1922, Aro en 1926 e Seoane na Baña en 1932.
En Cuba tamén se crearon outras asociacións barcalesas, como a Unión Barcalesa, La Moderna de Barcala e La Baña y su Comarca. Ten coñecemento de como foi esa relación?
Lamentablemente descoñezo como foi esa relación entre sociedades da mesma rexións. Sei que existiron pero que tamén foron disoltas fai xa moito por un ou outro motivo. Sobre este tema, como xa lle dixen, descoñezo todo o relacionado co mesmo pero pode informarse con José Manuel López Tuñas e Amancio Liñares Giraut, ámbolos dous de Negreira e grandes amigos da nosa Sociedade.
Pero non só foi Cuba. Noutros países da emigración galega como Uruguai e Arxentina, os barcaleses tamén estiveron presentes, mantendo os seus vínculos con Galicia. No caso uruguaio fundouse a Escuela Unión Barcalesa. En Bos Aires naceron La Primera de Barcala, Sociedad Agraria Instructiva y Mutua del Partido Judicial de Negreira, Hijos de Negreira y Anexos, Mutualista e Instructiva del Partido Judicial de Negreira e Agraria y Mutualista del Partido de Negreira. Ten coñecemento da existencia desas entidades ao día de hoxe? En caso afirmativo, mantén relación a Unión Barcalesa con algunas delas?
Lamentablemente, descoñezo sobre a existencia destas sociedades mencionadas por vostede, e non mantemos relación con ningunha outra sociedade orixinaria da rexións da Barcala.
Con cantos asociados conta actualmente a Unión Barcalesa da Habana?
No nosa Sociedade contamos con 246 asociados. Destes, 68 tieñen a cidadanía española en virtude da Lei da Memoria Histórica e aínda contamos tamén con 5 nativos.
Como é a receptividade da sociedade cubana de cara a esta entidade?
A sociedade cubana está estreitamente relacionada coa Sociedade e é que os nosos membros son parte da misma. Imaxínese o nivel de interrelación que a maioría dos españois aquí en Cuba contraían matrimonio con cubanas ou cubanos e, a partir de aí, é imposible separar unha nacionalidade doutra. É certo que temos algúns nativos (5) pero todos están ou estiveron casados e formaron familia con membros da sociedade cubana. Ademais, os xa descendentes destas familias son cubanos e están presentes en tódalas actividades e accións que se levan a cabo na Sociedade. Eu son un exemplo diso. Os meus pais foron españois nativos, o meu pai de Negreira e a miña nai de Santa Comba, pero xa a miña muller é descendente de españois (de Cantabria) pero 100% cubana, ao igual ca min. E aínda que temos raíces ben profondas e levamos a cultura ben arraigada, somos cubanos.
Que actividades realiza actualmente a Unión Barcalesa na Baña e Negreira? Ten a Unión Barcalesa algún tipo de apoio institucional por parte dos Concellos de Negreira e da Baña?
Temos moi pouca actividade cos Concellos da Baña ou Negreira. As nosas relacións normalmente limítanse ao intercambio de información sobre as actividades que a Sociedade realiza aquí en Cuba no marco de datas de moita importancia, tales como actividades polo Día de Galicia e das Letras Gallegas, aniversario da fundación da Sociedade, e algunha outra que se celebrara con este tipo de estilo. Tamén cando tense viaxado a España, visítase aos alcaldes e confratenizamos con eles. Pero esta actividade é moi esporádica. Nestes casos tamén se nos ten entrevistado para o xornal La Voz de Galicia e a emisora Radio Negreira.
Na actual conxuntura determinada pola pandemia da COVID 19, cales son os retos e prioridades que se formulan para a Unión Barcalesa da Habana?
Actualmente, a nosa maior prioridade é tentar agrupar na nosa Xunta Directiva aos membros mais mozos e capaces, para buscar neles a transcendencia desta sociedade. E é que neste período de pandemia perdimos a valiosos compañeiros directivos doutras sociedades e tense visto comprometida a solidez desas sociedades, pois os mozos non participaban na súa maioría das Xuntas Directivas e xa os que quedamos con certa experiencia, podemos ter un percance e a Sociedade sofrir un descalabro por non ter a alguén sólido onde seguirnos apoiando.
Finalmente, que balance pode realizarse desta prolífica e centenaria traxectoria da Unión Barcalesa como expresión do asociacionismo galego no exterior?
Consideramos un balance positivo na traxectoria de xa 113 anos, dos cales somos agora continuadores. Pero non podemos deixar de pensar e de ter presente a todas aquelas persoas que, dun outro xeito, tiveron a visión e a responsabilidade de levar sobre os seus ombreiros esta Sociedade dende os seus inicios, que sempre soupemos son os mais difíciles e duros de levar. Tamén temos a preocupación da continuidade da mesma, pois a pesar de traballar e tentar agrupar no noso redor aos mozos e futuros dirixentes da mesma, non contamos cos medios suficientes para seguir levando adiante esta obra. E é que temos que facer moi grandes esforzos para lograr unha actividade, manter o noso panteón en boas condicións ou manter en uso o vello coche da Sociedade.