Galicia | Os galegos cando estamos fóra da nosa terra sentimos morriña de todo: da familia, dos amigos, do cheiro da terra mollada despois de chover, do pan de centeo, das xuntanzas, do son das gaitas, do mar, etc.
Nesta sección queremos traervos refráns, ditos e palabras para os que queirades manter viva a lingua de forma xenuina e auténtica, a usar o que foi criado polo pobo galego desde tempos antigos.
Trátase de manter a lingua tamén na diáspora, de fornecer instrumentos e ferramentas autóctonos que sirvan para dar continuidade á lingua galega alá fóra, aínda que calquera que se achegue a esta páxina tamén os poderá usar.
En cada recuncho de Galicia, para cada cirscuntancia da vida diaria, exístevos un refrán o dito que aglutina toda unha sabedoría popular, que define a nosa forma de estar no mundo, de forma peculiar.
Sabemos o seu innegable valor á hora de reflectir, reproducir e conservar a nosa cultura e sociedade, transmitida de pais a fillos na comunidade grazas á tradición oral.
Esperamos que vos guste, que vos sirva para manter acesa a chama da fermosa lingua que temos, como dicía Castelao : “É matriz inagotable de obras de arte”.
Decembro. O Nadal
-A castaña no nadal, sabe ben e parte mal.
-As festas do ano por onde quixeres, as Navidades, coas túas mulleres.
-Pola santa Lucía mengua a noite e medra o día
-No Nadal inverno a fartar
-No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
-No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar.
-Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
-Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
-Tantos días sol en nadal como de auga en san Xoán.
-Polas vendimias vende as túas galiñas, pola Navidade vólveas mercar.
-Polo Nadal, cada ovella, ó seu corral.
O mes de xaneiro
En xaneiro, frio no corpo enteiro.
-No mes de xaneiro, sete capas e un sombreiro.
-En xaneiro, polo día ao sol e a noite ao braseiro.
-Dezasete de xaneiro, San Antón verdadeiro..