O proxecto “Historias de ida e volta” documenta a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba

Santiago de Compostela | A entrega de novembro do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Arquivo de Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, documenta, nesta ocasión, a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba.

Desde mediados do século XXI, pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentáronse en Cuba, onde traballaron na frota pesqueira, no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Neste tempo, conseguiron dominar o sector da pesca na baía da Habana e mesmo no Golfo de México pero tamén outras actividades relacionadas co comercio, a hostalaría ou a explotación do carbón.

As cadeas migratorias foron o principal factor que posibilitou a emigración masiva das e dos naturais de Ares á illa de Cuba, xa que, unha vez instalados no país e convertidos en propietarios de barcos ou de pequenos negocios, os emigrantes aresáns chamaban por outros familiares e coñecidos.

As cadeas migratorias foron o principal factor que posibilitou a emigración masiva das e dos naturais de Ares á illa de Cuba

O caso do viveiro Josefa do Chao, que se atopa entre os materiais que recolle esta nova entrega do especial é un exemplo desta realidade. Propiedade do emigrado Manuel Suárez Casteleiro, a maioría da tripulación deste e doutros barcos de pesca que pertencían ao empresario galego estaba formada por aresáns que se trasladaran a Cuba.

Alén do traballo que desempeñaban, estes emigrantes participaron activamente na creación de sociedades de ámbito local en Cuba, creadas con finalidades instrutivas e benéficas para promover a educación e o progreso nos seus concellos e parroquias de orixe.

A Alianza Aresana de Instrucción, fundada en 1904, foi a pioneira deste tipo de sociedades

A Alianza Aresana de Instrucción, fundada en 1904, foi a pioneira deste tipo de sociedades, a partir de cuxo modelo comezaron a agromar outras ao longo de Cuba e Arxentina. A súa acta de constitución, a escritura de compra dun solar para construír un centro escolar na vila de Ares e unha imaxe do propio edificio constitúen algúns dos materiais que se poden consultar no especial Ares en Cuba: unha emigración mariñeira.

A entrega compleméntase con documentos que dan mostra doutro tipo de negocios emprendidos polos emigrantes galegos na Habana, como a ferraxería dos aresáns Casteleiro e Vizoso ou o restaurante El Escorial, ou que amosan as tarefas de explotación e transporte do carbón.

Pecha o especial unha imaxe dunha das casas indianas que se conservan na vila mariñeira de Ares, exemplo do tipo de construcións que levantaron os emigrantes da zona para vivir ou para pasar tempadas tras o seu regreso a Galicia e que constituían un símbolo do seu ascenso económico e social.

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!