O especial ‘Historias de ida e Volta’ documenta en vinte imaxes o retorno dos emigrantes

Vinte imaxes e documentos serven para ilustrar o proceso de retorno e as consecuencias que tivo para os emigrantes e para Galicia.

Sería imposible entender a actualidade contemporánea de Galicia sen ter presente o fenómeno migratorio. No especial número 14 do proxecto ‘Historias de ida e volta’, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración, ponse o foco na última etapa deste ciclo. Vinte imaxes e documentos serven para ilustrar o proceso de retorno e as consecuencias que tivo para os emigrantes e para Galicia.

“Vinte imaxes e documentos serven para ilustrar o proceso de retorno e as consecuencias que tivo para os emigrantes e para Galicia”

Influencias culturais, a implantación de novos cultivos, a creación de teatros, escolas… son moitas e moi variadas as consecuencias do retorno dos emigrantes á súa terra natal, que traen aquilo que viron ou viviron durante a súa estadía no exterior.

A décimo cuarta entrega do especial “Historias de Ida e volta” amosa en vinte imaxes algunhas das consecuencias do retorno que, aínda que sempre existiu, deuse de maneira máis xeneralizada a partir de 1973, coa crise do petróleo.

A pegada da emigración
Entre as imaxes que ofrece esta nova entrega está a de tres complexos culturais destacados. Un deles é o Laboratorio de Formas, creado en Arxentina en 1963 para “recuperar memoria histórica co fin de construír o futuro de Galicia”. É a orixe de Sargadelos, das fábrica de Cerámicas do Castro, do Seminario de-Estudos Galegos.

No especial vese unha fotografía de tres intelectuais galegos retornados como Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor, e Alejandro Finisterra, xunto con outros que permaneceron en Galicia como Ramón Piñeiro ou Celestivo Fernández de La Vega, diante dun mural de Luís Seoane, outra figura histórica.

Outro dos proxectos que se amosan é o Parque do Pasatempo en Betanzos, un parque temático enciclopédico onde se recollía todo o saber que un emigrando betanceiro, Juan García Naveira, foi asimilando nas súas numerosas viaxes. Chegou a ter unha superficie de 90.000 m2 que integraba un orixinal conxunto de arquitectura, escultura, cerámica e xardíns con especies exóticas.

O Pasatempo propiamente abarcaba 8.000 m2 distribuídos en cinco niveis conectados por escalinatas e pasadizos tortuosos a través de grutas artificiais. Polos paseos e avenidas proliferaban numerosas fontes e estanques cunha decoración moi barroca e ecléctica.

Cunha función pedagóxica e simbólica, contaba con monumentos que representaban a canle de Panamá, a Gran Muralla china ou a pirámide de Keops entre outros, ou estatuas de grandes figuras históricas, reproducidas para que fosen admiradas polos seus paisanos.

O especial tamén recolle o gran teatro de Vigo que toma o seu nome do verinés que emigrou a Cuba e se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico da cidade coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome.

Participou no desenvolvemento urbanístico de Vigo, coa construción dun grupo de casas na rúa que leva o seu nome. Doou o solar para construír un gran teatro para a cidade que non chegou a ver.

Trala súa morte, as sobriñas encargáronlle ao arquitecto Antonio Palacios un edificio inspirado na Ópera de París e no Teatro Arriaga de Bilbao, de estilo neobarroco e modernista que funcionaba como teatro, cinematógrafo, auditorio e casino e que hoxe en día continúa a ser un dos epicentros da vida cultural da cidade.

“O retorno tamén deixou a súa pegada na transformación do sistema de alimentación e paisaxe agrario galego”

O retorno tamén deixou a súa pegada na transformación do sistema de alimentación e paisaxe agrario galego. O especial tamén dedica un espazo a falar do millo, cereal que procede de América. Segundo o Boletín de la Real Academia de Historia de 1953 chegou a Europa en 1604, pero existen varias teorías e numerosos estudos que nos falan sobre os pioneiros en traer dito cereal a Galicia, as zonas onde se plantou por primeira vez e o primeiro uso que se fixo do mesmo.

A día de hoxe Galicia cultiva o 75% de todo o millo forraxeiro español. A gandería galega produtora de leite sustenta a súa alimentación a base deste grao como fonte de enerxía necesaria para a produción.

Un cheque como mostra das remesas ou envío de cartos dun país a outro, as fotografías das familias retornadas, ou casas con estética indiana son outras das imaxes que se recollen nesta nova entrega do especial.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta” para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio.

En catorce especiais documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural… diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

Ligazóns relacionadas
http://consellodacultura.gal/especiais/historias-de-ida-e-volta/

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!